Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Alberto Núñez Feijóo

A Xunta define os novos obxectivos da Axenda Dixital de Galicia ata 2020

  • O presidente da Xunta avanza que os novos eixes serán: pechar a modernización da Administración; completar a inclusión dixital dos cidadáns; seguir contando coas TIC como instrumento de cambio de modelo produtivo; consolidar este sector como estratéxico; e avanzar na calidade da cobertura de internet
  • Destaca que o Goberno galego mobilizou un investimento público-privado de máis de 1.000 millóns de euros desde 2009 no fomento das novas tecnoloxías
  • Salienta que a poboación con acceso á rede pasou do 71% a finais de 2009 ao 97% actual e que máis de 1,4 millóns de galegos teñen xa acceso a redes de 100 megas, máis do dobre que en 2008, o que permitiu reducir en máis de 10 puntos a fenda co Estado e en 8 a distancia con Europa
  • Remarca que a sede electrónica da Xunta permite realizar telematicamente o 40% dos procedementos (600) fronte ao 4% de 2009, e que a xestión integral das TIC públicas permitiu aforrar 6 millóns de euros
  • Subliña os avances rexistrados na modernización da Xustiza, onde o 84% das sedes teñen conexións de 100 megas e o 96% dos equipos menos de 7 anos; ao tempo que se implantaron sistemas de xestión procesual; se despregaron as videoconferencias; e se comeza a poñer en marcha a gravación das vistas
  • Pon en valor que o 100% da expedición de receitas da sanidade pública é electrónica e que o 100% dos centros de saúde teñen acceso á historia clínica dixital, ao tempo que, na educación, o Proxecto Abalar dixitalizou máis de 2.000 aulas e beneficia xa a 45.000 alumnos
     
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 28/07/14 (10:47)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o Goberno galego acordou iniciar o proceso para definir os novos obxectivos a Axenda Dixital de Galicia, logo de ter conseguido nos últimos anos universalizar o acceso a internet, impulsar a Administración electrónica e introducir as novas tecnoloxías nas empresas e nos servizos públicos. Así, o Executivo autonómico inicia o proceso para elaborar, con todas as achegas posibles, unha nova folla de ruta que se presentará no primeiro trimestre de 2015, e que incluirá todas as medidas e iniciativas necesarias para continuar a modernizar tecnoloxicamente o país ata 2020.

Segundo explicou, a Xunta decidiu iniciar o proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia Horizonte 2020, como unha nova folla de ruta que actualice obxectivos, recursos e medidas sen mudar o procedemento dos últimos anos. Para iso, o Goberno galego “abriu un proceso de diálogo con institucións, con axentes económicos e sociais e coa sociedade galega para poder presentar no primeiro trimestre do ano 15 o que queremos facer ata o ano 2020 no que se refire á axenda dixital da Comunidade Autónoma”, resaltou.

Feijóo avanzou que os eixes da nova folla de ruta serán: pechar a modernización da Administración e facela máis eficiente, eficaz e próxima á sociedade; completar a inclusión dixital dos cidadáns como base para o emprego de calidade; seguir contando coas TIC como instrumento para “unha nova economía”; consolidar ese sector como estratéxico; e reforzar o despregamento de infraestruturas de telecomunicación para a vertebración territorial, incidindo agora na calidade da cobertura.

 

1.000 millóns de investimento en tecnoloxías

Na súa comparecencia, o mandatario galego destacou que “Galicia destinou entre financiamento público e financiamento privado máis de 1.000 millóns de euros ás tecnoloxías desde o ano 2009 ata o 2013”, e salientou os bos resultados acadados.

En primeiro lugar, o titular do Goberno autonómico puxo en valor os significativos avances rexistrados na mellora do acceso a internet dos galegos, pois nos últimos catro anos o Plan de Banda Larga facilitou o acceso á rede a máis de 700.000 cidadáns que carecían deste servizo a finais de 2009, pasando dun 71% da poboación con cobertura ao 97%. E para o restante estánse a desenvolver liñas de axudas para o acceso ao servizo a través do satélite.

Xunto con isto, Alberto Núñez Feijóo destacou que o pasado ano se acadou o obxectivo de que máis de 1,4 millóns de galegos teñan acceso a redes de 100 megas de velocidade, mentres máis do 65% dos fogares tiñan contratado internet de banda larga, máis do dobre que en 2008. Esta cifra supón, subliñou, "que en cinco anos reducimos en máis de 10 puntos a fenda co Estado neste indicador e en máis de 8 a distancia coa media europea".

En segundo lugar, o titular do Goberno galego salientou os progresos acadados para facer realidade os compromisos do Plan de Modernización da Administración autonómica, e conseguir unha administración aberta aos cidadáns as 24 horas do día os 365 días do ano. Neste eido, indicou que a sede electrónica da Xunta xa permite presentar telematicamente máis de 600 procedementos, preto do 40% do total, fronte á situación actual, en que só era posible realizar o 4%.

O presidente autonómico destacou a posta en marcha dun único organismo para a xestión da política tecnolóxica da Comunidade, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e a entrada en funcionamento do Centro de Proceso de Datos Integral. Estes dous instrumentos, indicou, permitiron avanzar cara a unha Administración máis eficiente e austera, que conseguiu, grazas a este modelo de xestión integral das TIC, un aforro de máis de 6 millóns de euros.


Modernización da Xustiza

E, en terceiro lugar, Feijóo referiuse aos resultados conseguidos na introdución efectiva das tecnoloxías en todos os eidos económicos e sociais, con especial énfase nos servizos públicos. A ese respecto, subliñou os datos do Plan Senda para integrar as TIC na Xustiza, que conseguiu xa que o 84% das sedes xudiciais teña conexións de 100 megas; que renovou o equipamento, de tal xeito que o 96% tiña a finais de 2013 menos de 7 anos; que implantou os sistemas de xestión procesual Minerva e Fortunity para xulgados e fiscalías e sistemas de intercambio seguro entre os órganos xudiciais e os operadores xurídicos; despregou a rede de videoconferencia con 55 equipos de sala e máis de 370 solucións de videoconferencia persoal para xuíces, fiscais e forenses; e que está a iniciar o sistema de gravación das vistas.

No tocante ao campo sanitario, o mandatario galego resaltou que o 100% das receitas que se dispensan na sanidade pública son electrónicas, que o 100% dos centros de atención primaria poden acceder á telemedicina e que o 10,5% das citas previas nos centros de saúde se obteñen xa a través de internet, vía que usan para relacionarse co Servizo Galego de Saúde o 26% dos pacientes.

Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo subliñou que, no eido educativo, o proxecto Abalar dixital dixitalizou máis de 2.000 aulas e beneficia a preto de 45.000 alumnos. "Cando empezamos non había nin aulas nin alumnos en relación á tecnoloxía no sistema educativo público", destacou.
 

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal