Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel da xornada

A Amtega colabora coa Cruz Vermella e a Rede Galega de Loita contra a Pobreza nunhas xornadas sobre novas formas de comunicación e emprego dixital

  • O Centro Demostrador TIC acolle ambas sesións, que se celebrarán mañá e o venres 28
  • A primeira das xornadas, que organiza Cruz Vermella, está orientada ao emprego das redes sociais
  • Infografías e voluntariado en rede centran a segunda xornada organizada pola Rede Galega de Loita contra a pobreza (EAPN-Galicia)
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 25/11/14 (08:02)

A Cruz Vermella, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), celebra mañá, martes, 25 de novembro a xornada “Sensibilización e uso das redes sociais na Área de Emprego da Cruz Vermella”. Pola súa parte, a Rede Galega de loita contra a pobreza (EAPN-Galicia) organiza o seminario “Taller TIC, infografías e voluntariado en rede para a acción e o cambio social. #pobrezagalicia” o vindeiro xoves 28 de novembro.

Ámbalas actividades están enfocadas ás novas formas de comunicación que se derivan do novo contexto dixital e celebraranse nas instalacións do Centro Demostrador TIC de Galicia.

Colaboración da Amtega con Cruz Vermella
As persoas asistentes a xornada “Sensibilización e uso das redes sociais na Área de Emprego da Cruz Vermella” afondarán en aspectos como a diplomacia humanitaria a través das redes sociais ou o poder destas, así como a súa utilidade en relación ao emprego e as pautas de comportamento nas diferentes redes. A actividade, pensada para o persoal técnico e o voluntariado da Área de Emprego da Cruz Vermella, cubriu tódalas prazas ofertadas.

Cruz Vermella é unha das entidades do terceiro sector que participan directamente no Programa de Voluntariado Dixital VOLDIX posto en marcha pola Amtega e a Dirección Xeral de Xuventude. No marco deste proxecto a Amtega ten colaborado con esta organización humanitaria en varias actividades, como na difusión da web de crowdfunding, Agora máis que nunca; no proxecto Espazos de Busca Activa de Emprego ou na I Xornada de Boas Prácticas en Tecnoloxía para a Inclusión Social, organizada pola Amtega, na que Cruz Vermella participou en calidade de experto.

Colaboración da Amtega coa Rede Galega contra a Pobreza
O seminario “Taller TIC, infografías e voluntariado en rede para a acción e o cambio social. #pobrezagalicia” está dirixido ás ONGs integradas na rede EAPN Galicia, Coordinadora Galega de ONGD ou Cermi Galicia con interese no uso das novas tecnoloxías e as redes sociais para mellorar a acción voluntaria na loita contra a pobreza.

Nesta xornada, financiada polo Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, presentaranse as ferramentas da web social que sexan accesibles, de balde e doadas de utilizar (blogs, redes sociais, xestión de base social, planificación e deseño de infografías etc.), así como experiencias de éxito e replicables de comunicación neste eido.

Na actualidade, EAPN-Galicia está constituída por 21 organizacións representativas de colectivos vulnerables en Galicia, entre os cales se encontran Cogami, Down Galicia ou Meniños, entidades de acción voluntaria que participan directamente no Programa de Voluntariado Dixital VOLDIX da Xunta.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal