Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
O conselleiro Xesús Vázquez, a directora AMTEGA Mar Pereira e Jesús Lage de Ever

A Xunta e Everis realizarán un estudo entre alumnos de secundaria e Bacharelato para coñecer a situación das vocacións tecnolóxicas en Galicia

  • Realizarase unha enquisa online anónima en centros de educación secundaria da Comunidade
  • Os resultados, que se coñecerán no verán, servirán para abordar posibles medidas para difundir as diversas saídas laborais destas carreiras
  • Só o 9% dos estudantes universitarios galegos están matriculados en carreiras científico-tecnolóxicas
  • Galicia é a quinta Comunidade con máis empresas TIC de España e o sector tecnolóxico galego mantivo o emprego por encima dos 15.000 traballadores nos últimos catro anos
     
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 27/01/15 (07:46)

Coñecer as causas da baixo porcentaxe de matriculados en estudos tecnolóxicos en Galicia e poder abordar medidas que axuden difundir as saídas laborais destas carreiras son os obxectivos do convenio asinado esta mañá entre o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o responsable de Everis en Galicia, Jesús Lage.

A elaboración do “Estudo dos Factores Influentes na Elección de Estudos Tecnolóxicos en Galicia” enmárcase nos compromisos de Everis como asinante, xunto con outras 11 empresas do sector TIC e o Clúster TIC Galego do Pacto Tecnolóxico de Galicia, promovido pola Amtega.

Para a elaboración do estudo realizarase unha enquisa online e anónima entre alumnos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato sobre os criterios e factores que máis lles inflúen á hora de elixir o seu itinerario formativo. Unha vez recompilada a información será analizada por unha comisión de expertos do campo educativo para interpretar e valorar os datos para realizar o estudo e achegar posibles vías para potenciar as vocacións científico-tecnolóxicas. A previsión é difundir os resultados do estudo no primeiro semestre de 2015.

A Amtega será a encargada de proporcionar a plataforma tecnolóxica para realizar a enquisa online e achegará a súa visión sobre o fomento destas carreiras como departamento coñecedor do sector tecnolóxico. A Consellería de Educación facilitará a coordinación cos centros educativos así como a participación dos axentes do ecosistema educativo na comisión de expertos. Pola súa banda Everis, achegará os recursos humanos e materiais necesarios para a elaboración do estudo.

As TIC unha boa oportunidade laboral
A máxima responsable TIC da Xunta destacou que o sector tecnolóxico galego demostrou a súa capacidade e potencialidade e que o capital humano é unha das súas claves. Por iso é preciso coñecer por que só o 9% dos futuros universitarios apostan por encamiñar o futuro laboral cara esta área.

O último estudo dos Colexios Profesionais de Enxeñería Informática e Enxeñería Técnica en Informática de Galicia indican a alta empregabilidade dos enxeñeiros, con preto dun 92% traballando e máis do 77% con contrato indefinido. Ademais, o 50% destes titulados atopou o seu primeiro traballo en menos dun mes e tres de cada catro volverían estudar a mesma carreira.

Mar Pereira lembrou que o sector tecnolóxico galego está integrado por 2.232 empresas, o que nos sitúa como a quinta do Estado con maior número de empresas deste ámbito, e que emprega a máis de 15.000 profesionais, unha cifra que se maten desde o ano 2010.

Pola súa banda, o conselleiro destacou os resultados do alumnado galego nas competencias científica e matemática en estudos como o PISA como un potencial que xa se está impulsando a través de iniciativas como a dos contratos-programa, a iniciativa ‘Mulleres nas TIC’, ou o programa ‘Programación nas Escolas’, dirixido a introducir o pensamento computacional entre os máis novos. “Coa firma deste convenio queremos dar un paso máis. Buscamos coñecer as razóns que moven á alumna ou alumno a decantarse por estudar un ciclo de FP determinado ou unha titulación universitaria específica. Non en balde, os resultados deste estudo serán analizados por unha comisión de expertos co fin de valorar os datos e poder propoñer novas vías de fomento das vocacións tecnolóxicas, explicou”.

Vázquez Abad lembrou ademais que a Xunta está a favorecer, a través de proxectos como Abalar ou os lectores electrónicos nas bibliotecas escolares, que a escola galega estea plenamente integrada nas TIC; e agradeceu ao profesorado a súa implicación. “Seguro que nesta ocasión, unha vez máis, van ser clave do éxito do proxecto”, dixo.

O director da oficina de Everis na Coruña, sinalou que “esta acción reafirma o compromiso de Everis co Pacto TIC e co sector TIC en Galicia, e reforza a aposta que mantivo a compañía desde a súa chegada á Comunidade no ano 2006, polo talento e a innovación en e desde Galicia como pancas clave para a xeración de riqueza e emprego”. Así mesmo, Jesús Lage destacou “o carácter innovador do estudo que contará a visión dos propios alumnos, ademais do resto de axentes do ecosistema educativo”.

Na súa opinión, “só coñecendo as causas que levan á falta de vocacións por carreiras tecnolóxicas dos estudantes poderemos definir medidas que contribúan eficazmente a romper esa tendencia”. “Como resultado desta iniciativa, obteranse unha serie de conclusións que contribuirán a potenciar o talento tecnolóxico da Comunidade, ao seu sector TIC e en definitiva a un crecemento da economía de Galicia intelixente, sustentable e integrador”, apostillou.

Pacto Tecnolóxico de Galicia
Esta actuación enmárcase nos compromisos de Everis como asinante do Pacto Tecnolóxico de Galicia, un acordo no que tanto o Goberno galego como as empresas implicadas asumen un decálogo de compromisos para atraer investimento a Galicia, favorecer a internacionalización das pemes galegas e lograr a colaboración activa entre as grandes e pequenas empresas para conseguir o crecemento do sector.

Xunto con Everis subscribiron o acordo as empresas tecnolóxicas HP, Telefónica, Vodafone, Indra, Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain e o Clúster TIC Galicia.

Sobre Everis an NTT DATA Company
Everis an NTT DATA Company é unha consultora multinacional que ofrece solucións de negocio, estratexia, desenvolvemento e mantemento de aplicacións tecnolóxicas, e outsourcing. A compañía, que desenvolve a súa actividade nos sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, industria, utilities, enerxía, administración pública e saúde, alcanzou unha facturación de 591 millóns de euros no último exercicio fiscal. Na actualidade, conta con 10.600 profesionais distribuídos nas súas oficinas e centros de alto rendemento en 13 países.

A consultora pertence ao grupo NTT DATA, a sexta compañía de servizos IT do mundo, con 70.000 profesionais e presenza en Asia-Pacífico, Oriente Medio, Europa, Latinoamérica e Norteamérica. A integración en NTT DATA permite a Everis ampliar as solucións e servizos para os seus clientes, aumenta as súas capacidades, recursos tecnolóxicos, xeográficos e financeiros e axúdalle a dar as respostas máis innovadoras aos seus clientes.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal