Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación app Dependencia

O Imserso e Telefónica presentan a App Dependencia

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 04/05/15 (08:56)

O Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) organizou onte, na súa sede central de Madrid, a Xornada "Como poden axudar as aplicacións móbiles nos coidados de longa duración", na que mostraron as utilidades das App no apoio á tarefa desenvolvida polos coidadores das persoas en situación de dependencia. Así mesmo, presentouse a primeira aplicación móbil de dependencia (App Dependencia) desenvolvida por Telefónica, dirixida principalmente a coidadores na contorna familiar.

A aplicación nace para dar unha resposta mellorada ás necesidades, economizando tempo, desprazamentos e recursos. De igual maneira, contribúe a eliminar barreiras e facilitar o coidado, combinando acceso á información administrativa con consellos prácticos e testemuños.

O obxecto da xornada era debater con todos os interlocutores as posibilidades que ofrecen estas novas e prácticas tecnoloxías de apoio. Até alí achegáronse o director xeral do Imserso, César Antón Beltrán, o Ministro de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Alfonso Alonso, e o presidente de Telefónica España, Luís Miguel Gilpérez.

A aplicación móbil de Dependencia, de descarga gratuíta para todo tipo de teléfonos móbiles (tanto para sistemas operativos IOS como Android), pretende crear un modelo de comunicación que se adapte ás necesidades actuais dos cidadáns. Os seus destinatarios son as persoas dependentes ou os seus familiares coidadores.

A través do seu menú principal, a persoa que se descargue esta aplicación pode, mediante breves e amenos videoclips, obter consellos sobre coidados, por exemplo: mobilización, transferencias da cama á cadeira, subir e baixar escaleiras, o aseo ou as comidas.

Outro apartado son os consellos respecto ao fogar e adaptacións: acceso á vivenda, mobiliario adecuado, iluminación idónea, organización da cociña, disposición do dormitorio, o botiquín, prevención de caídas ou outros accidentes.

A Aplicación tamén ten en conta os coidados cara aos propios coidadores, tanto desde un punto de vista físico como emocional: quecemento, estiramentos ou relaxación, ademais da superación da tensión, e a ansiedade. A App achega ligazóns a vídeos de organizacións como Cruz Vermella, ou administracións públicas; ofrece testemuños de persoas maiores en situación de dependencia ou con enfermidades neurodexenerativas; e facilita información sobre os servizos e prestacións do Sistema de Atención á Dependencia previstos na Lei (teleasistencia, axuda domiciliaria, centros de día, residencias) mediante vídeos.

Tema: Xeral
Fonte: Entremayores
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal