Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Pantallazo da app "Hablando coa arte"

"O soño", unha app para potenciar a creatividade a través da arte

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 30/06/15 (08:27)

Facer cun cadro o que queiramos: debuxar, borrar, cantar, escoitar, colorear, cambiar aos elementos de sitio... ou crealo de novo como cada un o interprete, iso é o que permite e promove a app O soño - Falando coa arte, unha aplicación que busca fomentar a creatividade artística partindo dunha peza mestra como é O soño, de Franz Marc.

A aplicación está dispoñible gratuitamente para iPad e é a primeira dun conxunto de cinco apps que integrarán o traballo desenvolvido no programa Falando coa arte, unha proposta que achega ás persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA) ao mundo da arte e a cultura, a través da educación emocional e a creatividade.

Así, a aplicación está pensada para persoas con autismo ou discapacidade intelectual, pero a súa versatilidade faina igualmente útil e atractiva para nenos de distintas idades e mesmo persoas maiores.

Co soño pódese, en primeiro lugar, explorar e coñecer a obra para posteriormente intervir nela a través dun conto (que se pode escoitar, ler e narrar), dunha canción (que tamén se pode cantar e gravar), dos cambios de luz ou das opcións do apartado Versionar, no que se pode descolocar e mover aos personaxes, recompor o cadro cambiando as cores, e tamén pintar e debuxar o cadro partindo de cero ou con distintos fondos, por exemplo, cunha fotografía tomada co propio iPad.

Ademais, pódense crear distintos usuarios-artistas, de forma que cada un teña asociadas as súas creacións (imaxes, vídeos, etc.) no seu álbum, e permítese, se se estima necesario, a opción dunha navegación estruturada polas actividades, anticipando visualmente a secuencia de accións a realizar e ofrecendo unha indicación do que queda por facer en todo momento.

O desenvolvemento da app é unha iniciativa conxunta da Asociación Argadini, a Fundación Adapta e a Fundación Orange, contando neste caso coa colaboración do Museo Thyssen-Bornemisza, de cuxa colección permanente forma parte a obra.

Proximamente publicaranse as apps das seguintes obras:

  • Sarcófago de Taremetchenbastet, coa colaboración do Museo Arqueolóxico Nacional.
  • A galiña cega, de Francisco de Goya, coa colaboración do Museo Nacional do Prado.
  • Os duques de Osuna e os seus fillos, de Francisco de Goya, coa colaboración do Museo Nacional do Prado.
  • A xanela aberta, de Juan Gris, coa colaboración do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.

Falando coa arte

Falando coa arte achega ás persoas con autismo ao mundo da arte e da cultura a través da educación emocional e a creatividade, para a inclusión cultural e social das persoas con necesidades de apoio. A súa intención é convidar á persoa a coidar e a apontoar dúas das súas dimensións máis vitais: a socio afectiva e emocional. O programa é aberto e flexible, está deseñado para poder adaptalo ás necesidades dos alumnos, a metodoloxía é personalizada e permite a cada cal progresar ao seu propio ritmo.

Partindo de visitas a distintos museos e de traballos creativos sobre o percibido nesas visitas, Falando coa arte pretende ensinar sen recortar contidos, alimentando paulatinamente as necesidades de aprender dos alumnos e a súa curiosidade por un universo que require en gran parte da abstracción, da imaxinación e da ausencia de prexuízos á hora de interpretar, opinar e traballar.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal