Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Voluntariado online

Voluntariado online: outra forma de construir un mundo mellor

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 24/11/15 (09:50)

Moita xente ten as ganas e a vontade precisas para comprometerse en actividades de voluntariado, pero o seu desexo termina consumido ante a dificultade de cadrar os seus horarios cos das alternativas que lle resultan interesantes. Por fortuna, as novas tecnoloxías cambiaron radicalmente este escenario: a través dun voluntariado online podemos axudar a quen o necesitan con maior flexibilidade á hora de elixir momento, lugar e forma.

Numerosas fundacións ofrécenche a posibilidade de implicarte en todo tipo de iniciativas. Por exemplo, RAIS Fundación loita desde 1998 contra a exclusión social, preocupándose especialmente polas persoas sen fogar. Se es tradutor de español a inglés podes organizar o teu tempo para botarlles unha man na tradución de proxectos pensados para mellorar a calidade de vida deste colectivo. No seu momento, esta Fundación lanzou tamén un voluntariado online de apoio á investigación. Recomendámosche porte en contacto con eles para consultar que necesidades teñen agora mesmo.

Outra opción é converterte en voluntario a través das Nacións Unidas. Este organismo internacional conta co seu propio programa de voluntariado online. Podes colaborar na creación de páxinas web, na produción de vídeos de concienciación ou en distintos proxectos que requiren de coñecementos de deseño gráfico. O completísimo buscador da ONU permíteche localizar con poucos clics as actividades que mellor se adaptan ao teu perfil: podes buscar por idioma, por cantidade de horas dispoñibles, por área temática...

Se o prefires, tamén podes botar unha ollada aos índices recompilatorios que se actualizan diariamente nalgunhas páxinas web; e que inclúen as propostas de decenas de asociacións e ONGs. A Fundación BT céntrase no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, tratando de pór en contacto ás agrupacións con persoas con experiencia en prensa, mercadotecnia e community management. En World Volunteer Web atoparás unha lista con 23 sectores distintos, cun amplo abanico de alternativas de voluntariado online.

Como podes observar, nin o lugar en que che atopes, nin os horarios que teñas son xa unha escusa para traballar polas causas que che preocupan. Só tes que rastrexar a rede para localizar ese oco que te está esperando, desde o que poderás compartir o teu coñecemento, practicar as túas habilidades e obter a enorme satisfacción de axudar a construír un mundo mellor.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Montemadrid
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal