Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
O peluche detector de enfermidades

Desenvolven un oso de peluche que detecta enfermidades

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 04/05/15 (08:32)

EEUU está usando de forma experimental un dispositivo creado por dous mozos croatas coa intención de facer máis fácil a vida dos pequenos que pasan por un centro médico ou que padecen males crónicos. 'Até agora, obtiñamos eses tres datos, moi importantes nos nosos pacientes, con tres instrumentos diferentes, por tres enfermeiras distintas, en tres puntos de medición diferentes', conta Boro Nogalo, director do Hospital Srebrnjak de Zagreb, especializado en enfermidades respiratorias en nenos.

Segundo o doutor Nogalo, este osiño médico axuda a suavizar a tensión que provocan esas medicións nos pequenos. Nogalo confía en que as investigacións clínicas confirmen a súa fiabilidade como instrumento de medición tanto en hospitais como para uso particular, de forma que os pais de enfermos crónicos poidan previr, por exemplo, ataques de asma en casa. Ademais, a medición dun neno que está a xogar tranquilamente é máis fiable que a dun que chora ou forcexea para que non lle poñan, por exemplo, un termómetro.

Este osiño foi creado por Josipa Majic e Ana Burica, dúas mozas croatas -unha informática e a outra economista-, que tiveron a sinxela pero orixinal idea de instalar sensores nun animal de xoguete. A súa idea foi galardoada en 2013 co VentureOut Challenge do Banco Mundial e atraeu en 2014 gran atención no Consumer Electronics Show, unha prestixiosa feira tecnolóxica que se celebra en Las Vegas (EEUU). 'A nosa idea principal foi facer o menos desagradable posible a permanencia dos nenos nos hospitais', explica Burica.

Chegaron á idea de incorporar a electrónica médica nun osiño de peluche tras notar que as enfermeiras adoitan entreter aos nenos con xoguetes para distraelos do desagradable contacto dos fríos e estériles instrumentos de medición. 'Ocorréusenos considerar se sería posible empaquetar sensores especiais de medición nun xoguete de felpa que os nenos coñecen e queren, camuflar todo o asunto nun animaliño de peluche e ver se todo iso pode funcionar', lembra Burica.

O resultado da medición pode lerse cunha aplicación para o teléfono móbil que mostra instantaneamente a temperatura do neno, a porcentaxe de saturación de osíxeno da hemoglobina en sangue e o ritmo cardíaco, así como gráficos deses valores no tempo, e pode advertir cando é necesario repetir a medición. O osiño ten un corazón de plástico que se ilumina con cores diferentes segundo cambia a temperatura do neno e palpita ao mesmo ritmo que o corazón do pequeno.

Desde que hai 18 meses elaboraron manualmente os primeiros exemplares, foi medrando o interese pola súa produción do que é coñecido no Reino Unido xa como 'Teddy the Guardian' (O osiño gardián), asegura Burica. O oso aínda non se comercializa, xa que ten que pasar aínda o proceso de certificacións e autorizacións oficiais, reto que as dúas mozas e o seu equipo de 15 persoas están dispostas a afrontar.

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal