Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

As mulleres galegas de entre 35 e 64 anos utilizan máis as tecnoloxías que os homes

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 27/01/24 (18:14)
  • O 89,1% das mulleres declara usar internet, fronte ao 89,5% dos homes, que só as superan de xeito significativo a partir dos 65 anos
  • As mulleres son tamén as que máis usan internet en formularios e tramitacións on-line da Administración electrónica, así como para participar en redes sociais, educación e actividades relacionadas coa saúde

As mulleres galegas de entre 35 e 64 anos usan internet máis que os homes, e, ademais, as de entre 45 e 64 anos superan tamén aos homes no uso de dispositivos electrónicos.

Nas franxas de idade inferiores aos 35 anos, o uso das tecnoloxías é practicamente o mesmo entre homes e mulleres, con índices que superan o 99%, salvo no caso do uso de dispositivos electrónicos por parte de escolares de primaria ou inferior, no que esta porcentaxe sitúase en torno ao 78%, tanto por parte dos nenos como das nenas.

O informe “Mulleres en dixital: o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero”, que acaba de publicar o Observatorio da Sociedade da Información e a modernización de Galicia da Xunta (OSIMGA), indica que só se manteñen diferenzas detectables nas persoas maiores de 65 anos. Nesta franxa, un 85,4% das mulleres utiliza dispositivos electrónicos, fronte a un 89,9% dos homes e un 57,7% das mulleres declaran usar internet, fronte a un 62,3% dos homes.

As características da poboación de Galicia explican que, tendo en conta todas as idades, o 89,1% das mulleres declaren usar internet, unha porcentaxe que é do 89,5% no caso dos homes.

O informe de OSIMGA, que depende da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no uso das tecnoloxías en Galicia, a partir de datos obtidos no marco do convenio asinado co Instituto Galego de Estatística (IGE).

Uso de Internet, Comercio Electrónico e e-Administración

A proporción de mulleres que compran a través da rede no 2022 acada o 60,5%, cun crecemento de case o 20% dende o ano 2019, cando a porcentaxe das internautas galegas que compraban na rede era do 50,9%. Por tramos de idade, compran máis as mulleres ca os homes por internet ata os 54 anos, e invértese a tendencia nos maiores, ata superar os 8 puntos porcentuais a prol dos homes entre os 65 e 74 anos.

Con todo, en termos globais, a porcentaxe de homes que compran a través da rede en Galicia supera en 0,3 puntos á das mulleres.

No relativo ao uso da Administración dixital, no ano 2022, as mulleres superan aos homes en todas as actividades analizadas e que serven para informarse ou realizar trámites electronicamente.

O 81,1% das mulleres que usan internet obteñen información das Administracións públicas e máis do 80% descargan e envían formularios oficiais cumprimentados. O 61,6% das mulleres descargaron no último ano documentos persoais xerados pola administración.

Comportamento na rede: Servizos e actividades de Internet utilizados

As diferenzas entre galegos e galegas no relativo ás actividades e servizos que utilizan na rede varían en función da natureza das actividades. Ambos sexos amosan como actividades máis comúns na internet a mensaxería instantánea, busca de información, ler novas e usar o correo electrónico.

As mulleres superan aos homes nos hábitos de participación en redes sociais, educación online, actividades relacionadas coa saúde.

Pola contra, nas actividades relacionadas co software como son instalalo, descargalo, configuralo ou transferir arquivos, o nivel de uso das mulleres sitúase varios puntos porcentuais por detrás dos homes.

Os datos deste informe poden consultarse na seguinte ligazón: www.osimga.gal.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal